Archivo del blog

miércoles, 11 de diciembre de 2019

PUNTO E APARTE P 4

L7.- Ó pasar as Lameiras
1).- Punto e aparte  P 4



Poema nº 4

Saín para recibir ó viaxeiro e convideino no bar do meu pai.
Na ampla porta da bodega penduraba, adherida por un canto,
una folla de papel, que o meu pai atopara remexendo
nos meus escritos, amoreados na gabeta dunha mesa da galería,
dende a cal eu oía ás ninfas tamaganas e soñaba con nobrezas
ollando a figura rexa e fachendosa do Castelo, perto do ceo.
O folio non tiña nada de particular, a non ser que o meu pai
déralle importancia ás verbas aquelas, que eu tiña esquecido,
e que escribín unha tarde na que a sesta foi derreténdose
enrabechada, abafante, escorrentando sen perdón o meu sono:

“Viaxeiro que acabas de furar a sagrada porta do verde misterio,
onde a Galiza rexurde soberana fabricando as cores da natureza,
xermolando neste val tanta beleza. Espallando baixo o ceo despexado
raios de luz, ou tépedas brisas, milleiros de aromas diversos,
que arrecenden levados no aire, trazo oscilante, revirados voando,
plena ledicia do vento que nace, pulsando teclas en calquer piano.

Plantas novas, verdes galas, acios de prata en videiras sostidos,
sons que o silencio converte en mimos, en aloumiños eternos,
en sonoros rechouchíos de paxaros ceibes nacidos en mil niños.

Alboradas musicais que inventan o brillo da mañá, relento seco,
luminosos ocasos que deitan o sol farto de quentar e alumear.

Entre lusco e fusco  a tarde esmorecente pecha os ollos de vagar.

Os grilos comezan a sinfonía cando a lúa tivo a ben, tan de repente,
acordar para erguerse perguiceira da súa cama de follo dourado,
tras do horizonte lonxano, onde o sol cae na súa cama aínda quente.

Este é o meu bar, a miña bodega, a bodega do Caneda, toda ela,
e aquí está o meu viño, bebe, e así dirás no camino,
que en Verín non só hai auga, que en Verín fixeches amigos.”

Púxose en marcha e percorreu a Galiza que viña a buscar.
De qué outra forma podería coñecer Galiza se non comezase
pola bodega do Caneda?



Pola auga e pola pedra, polo ceo e a montaña,
pola cor e pola harmonía, en fin, por soñar coas estrelas
nas noites claras das lúas de prata, fitando de cando en vez
as sombras antropomórficas, vixiantes do Castelo,
e bañando a mirada adormecida nas augas misteriosas
do río Támega enmeigado.



[-Sentado a una mesa, don José Pallín daba conta
dunha taza de viño branco, mentras o Amable
falaba non sei qué con don José. Igual chovía.
Na calle o meu parente Locho, que viña da praza,
dáballe un cigarro ó Lorenzo (que ben cantaba),
que ía abrir o bar que tiña a tres ou catro pasos
da calle do pozo, onde vivía o Palmero, gran amigo.

O Zurria aínda non tiña o bar, pero xa tiña a Gracia.

Don Xusto Bazal, o Manolo paragüero, a Laurita
e máis a miña tía Encarnación e tamén o Manolito
cortaban traxes a todos aqueles que por alí pasaban.

O Luis da Brigadilla e o Sapa, ambos os dous,
convidábanse mutuamente, mentras o Caneda
baixaba coa xarra chea ó patio da parra xigante
para botarlle a enésima ronda de tinto de Pazos
ó Xoán Oterino, ó Pepe do estanco, á Sarita Mateo
e máis ó Fernando, o seu dono, todos bos amigos
do Caneda, que tamén mollaba a palleta con eles.

Un pouco despois chegou o Santos e a Marinieves,
que só comían cacahuetes, que era o que había,
pero a taza non a perdoaban, ou dúas, ou tres.

A Licha do Amaro sacaba auga fresca da bomba,
que estaba nun recuncho, á beira da escaleira.                                      
O Lis e a Teresita, que eran os seus fillos, axudaban.

O Chichí a toda presa ía para abrir o bar na Estrela
e rìase do Pité que gardaba o carrillo, e máis o macho,
na de don Carlos Cid, “ mete o macho marcha atrás
e telo máis fácil de sacar”. O Pité mandouno a algures.

O Xerardo Montoia pasou coma un alustro na bicicleta,
berrando enrabechado, porque non sei quen  o insultou.

Pola porta de atrás da bodega a Basilisa sacaba
a moto para ir o Terrón a buscar alguna cousa,
mentras o Paco, seu home, facía veces de reloxeiro.
  
Eu espreitaba a estampa a través dos meus trece anos
e din a volta para sair a rúa, onde saúdei, ben de cerca,
á don Edesio Fuentes, que pasaba sempre diante do bar,
collido do brazo por doña Carmen,  a súa querida nai,
de seguro que ían a ver a finca que tiñan perto do Toural,
cando na Alameda aínda non había casas. Si nenas e nenos.]




A partir de aquí que veña o viño, a auga, a pedra, o ceo,
o home e a muller, que xuntos camiñaremos axiña,
facendo maxia e mundo, facendo amizade e dando amor.

E o tempo foi pasando, eu nin quero saber cantos anos fai.
Como todos, que de inmortal nunca presumiu , o meu pai
non tivo millor ocurrencia que abranguer a escuridade,
a brillante escuridade do ignoto limbo infinito da sombra.

Mentras a noite loita por abrir o brillo da madrugada
as estrelas van pechando os ollos,
e deixan que o día surxa polo abrente
coa súa gallardía impoñente.
Por eso a música non deixa de soar
cando a noite de ronda chega sublime ó seu final,
e os mozos xa soñan amores,
e as mozas suspiran sen parar.


No hay comentarios: